Exposición fotoperiodismo ambiental "O triunfo da solidariedade" - O Centro Tecnolóxico do Mar (Vigo) acolle, a partir do 19 de novembro, a exposición de fotoperiodismo "O triunfo da solidariedade", testemuña gráfica e homenaxe aos máis de 300.000 voluntarios, cidadáns galegos e de todo o mundo, que, de forma desinteresada, colaboraron na limpeza do chapapote vertido polo petroleiro Prestige no 2002. "O triunfo da solidariedade" inaugúrase cando se cumpre o quinto aniversario do afundimento do petroleiro fronte ás costas de Galicia o 19 de novembro de 2002. O naufraxio provocou a maior traxedia ambiental da historia de España e unha reacción solidaria sen precedentes.
A mostra foi organizada por EFE-Galicia e a dirección de Documentación da Axencia en colaboración coa consellería de Pesca, que dirixe Carmen Gallego, e a de Medio Ambiente, que encabeza Manuel Vázquez.